Notas de publicación de GNOME 3.4

1. Introdución

O proxecto GNOME é unha comunidade internacional que traballa para crear software dispoñíbel para todos. GNOME céntrase na facilidade de uso, estabilidade, internacionalización de primeira clase e accesibilidade. GNOME é software de código aberto e libre, o que significa que o traballo é libre de usarse, modificarse e redistribuírse.

GNOME publícase cada seis meses. Desde a última versión, 3.2, aproximadamente 1275 persoas realizaron 41000 cambios en GNOME. ¿Está interesado en saber que facemos? Síganos en Identi.ca, Twitter ou Facebook.

Se quere axudar a mellorar aínda máis os nosos produtos, únase a nós. Sempre lle damos a benvida ás persoas que poida traducir do inglés, axudar no marquetin, escribir documentación, probar e desenvolver.

Tamén pode axudarnos financeiramente facéndose Amigo de GNOME.

2. Novidades para os usuarios

Figura 1GNOME 3.4

3.4 é a segunda publicación de GNOME desde a 3.0 aló por Abril do 2011. Trae un gran conxunto de melloras na experiencia de usuario de GNOME 3, incluíndo moitos arranxos de erros e pequenas melloras. O resultado é un GNOME 3 máis brillante, máis ordenado e máis seguro.

Esta publicación tamén contén algúns novos desenvolvementos importantes. Puxemos énfase no redeseño e esforzámonos no desenvolvemento dos aplicativos, algúns dos cales tiveron importantes actualizacións para esta publicación. Tamén pode ver melloras nos bloques cos que contruímos os nosos aplicativos. Isto inclúe desprazamento suave, compoñentes da interface de usuario actualizados, un tema visual máis refinado e aplicativos de menú.

Tamén podemos destacar nesta publicación unha nova característica de busca de documentos, un novo aplicativo chamado Boxes, videochamadas e un novo fondo de escritorio animado que se actualiza ao longo do día. Desfrúteo!

2.1. Roupa nova para os aplicativos de GNOME 3

Os nosos aplicativos foron a nosa maior preocupación neste ciclo de publicación. Os novos aplicativos que foron publicados en 3.2 obtiveron actualizacións importantes para facelos máis limpos e máis doados de usar. Algúns dos aplicativos existentes tamén recibiron unha revisión para que deste modo sexan máis consistentes e estean mellor integrados con GNOME 3.

Figura 2Documentos

Documentos, o novo aplicativo que lle permite examinar, buscar e organizar documentos recibiu un redeseño importante. O resultado é un aplicativo máis fresco e limpo. A nova versión ven cunha interface de usuario nova, a habilidade para crear coleccións de documentos e compatibilidade para imprimir.

Figura 3Nova roupa para Epiphany, agora chamado Web

Epiphany, o navegador web de GNOME, foi renomeado a Web. Nesta versión 3.4 démoslle unha nova interface, a cal inclúe unha barra de ferramentas redeseñada e un «super menú». Tamén se fixeron varias melloras de rendemento, incluíndo unha navegación do historial máis rápida.

Figura 4Contactos

O noso novo aplicativo de contactos tamén recibiu importantes melloras. A lista principal de contactos foi mellorada cunha disposición dos detalles de contacto. Contactos conta agora con novas características, incluíndo suxestións de ligazón de contactos en liña e un novo selector de avatares.

Discos é o novo nome para a Utilidade de discos de GNOME e obtivo unha revisión importante. Esta ferramenta, que permite a xestión de discos no seu computador, conta agora con unha nova interface que se integra mellor en GNOME e tamén recibiu algunhas novas características.

Outra ferramenta que foi actualizada é Contrasinais e chaves. Tamén obtivo unha interface de usuario máis refinada e elegante.

2.2. Busca de documentos

Figura 5Busca de documentos desde a vista de actividades

A busca na Vista de Actividades xa lle vén fornecendo unha forma rápida de acceder aos aplicativos, contactos e preferencias do sistema. A gran novidade para esta publicación é o engadido de busca de documentos a estes resultados. O que significa que a busca de documentos está sempre á man.

A nova funcionalidade de busca de documentos fornécese directamente desde o aplicativo Documentos. Como resultado, pode buscar en todos os documentos do seu computador así como aqueles almacenados nas súas contas en liña.

Esta nova funcionalidade para a busca desde a vista de actividades fornece unha porta por onde os seus aplicativos se estenderán en futuras publicacións para incluír outros tipos de contido, como Música e Vídeos.

2.3. Menús de aplicativos

Figura 6Menús de aplicativos

Os «Menús de aplicativo» é unha nova característica que pouco a pouco será unha parte máis familiar nos nosos aplicativos no futuro. Estes menús, que teñen o nome do aplicativo e aos que pode acceder mediante a barra superior, fornecen un novo espazo para as opcións e accións globais do aplicativo, como as preferencias do aplicativo ou documentación.

Algúns aplicativos, entre os que están Documentos, Web e Contactos, xa fornecen menús de aplicativo nesta publicación.

Usuarios que empregan «foco-segue-ao-rato»

Para os usuarios que empregan «foco-segue-ao-rato» fixemos unha excepción. Para eles os menús nunca se agocharán, xa que unha barra de menú agochada é máis difícil de usar mentres se usa «foco-segue-ao-rato».

2.4. Actualización dos compoñentes da interface

Algúns dos compoñentes da interface dos aplicativos foron modernizados. Estes cambios fan que os aplicativos sexan máis elegantes e máis doados de usar. En particular están enfocados na eliminación de obxectivos de pulsación difíciles.

Figura 7A nova visualización do selector de cor

O diálogo de selección de cor foi actualizado para 3.4. O novo deseño fornece un acceso doado a unha paleta de cores importantes, así como unha forma de uso máis directa fronte á versión anterior. O seu uso é moito máis directo que a versión anterior.

As barras de desprazamento é outro dos compoñentes que foi actualizado en 3.4. A nova versión ocupa menos espacio e elimina os pequenos botóns de «paso» que contiñan tradicionalmente as barras de desprazamento e que poden ser un obxectivo de clic particularmente difícil.

Tamén revisamos o deseño dos botóns de selección de rango («spin buttons») para 3.4, que precisaban moita atención. As novas versións son máis doadas de usar e moito máis limpas.

Agora ao maximizar certos aplicativos agóchase a súa barra de título. Isto dálle máis espazo dispoñíbel para o aplicativo.

2.5. Moitas outras pequenas melloras

Nesta versión púxose énfase nas melloras incrementais e no pulido. O resultado é un gran número de pequenas melloras que achegan unha gran mellora na calidade.

O tema visual está moito máis pulido nesta versión. Moitos dos cambios son sutís, pero case cada parte do tema foi mellorado de algunha maneira. O resultado final son aplicativos moito máis visuais.

Unha nova iniciativa chamada Cada detalle importa, enfocouse na mellora da calidade da vista de actividades para esta publicación. Grazas a estes esforzos coidáronse moitos pequenos detalles, incluíndo melloras nas etiquetas do iniciador de aplicativos, novas etiquetas de xanelas e títulos, mellor navegación do rato, estilos de texto máis lexíbeis e un «Taboleiro» máis doado de usar.

Hai moitas melloras incrementais en GNOME 3.4. Como sempre son demasiadas para mostralas aquí todas, pero entre elas están:

  • Os diálogos de contrasinal de rede, incluíndo aqueles para os contrasinais das VPN, estaban empregando GNOME 2 ate esta publicación. Agora están integrados completamente coa experiencia de GNOME 3.
  • Volveu «Wanda o peixe»! Si Wanda, a nosa querida amiga de GNOME 2 voltou. Wanda é un easter egg de GNOME, polo que non lle diremos como pode atopala. Busque e verá.
  • O gravador de pantalla integrado agora produce vídeos máis suaves á vez que usa menos recursos do sistema. Pode usalo simplemente premendo Control+Maiús+Alt+R.
  • A disposición visual dos diálogos modais do sistema foi mellorada desde 3.2. Como resultado agora vense moito mellor.
  • As notificacións emerxentes agora son máis intelixentes e evitarán o punteiro do rato ou área táctil, polo que non o molestarán.
  • Outra mellora importante nas notificacións é que a bandexa de mensaxes, que mostra un resumo das súas notificacións, móstrase se non interactuou co seu computador durante un período curto de tempo. Isto fai máis doado darse de conta das conversas en curso e das mensaxes sen responder.

2.6. Desprazamento suave

O desprazamento do rato agora é moito máis suave en GNOME 3.4. Nas anteriores publicacións desprazarse por contido era moito máis abrupto. Agora é liso e agradábel. As operacións de desprazamento fréanse gradualmente até pararse e teñen unha sensación máis táctil e física. Isto é unha importante mellora que fai que os aplicativos de GNOME sexan máis agradábeis e satisfactorios de usar.

O desprazamento suave é o primeiro resultado do traballo que se está levando a cabo na entrada táctil, e temos planeadas máis características no futuro.

2.7. Novo fondo de escritorio animado

Figura 8Mañá, día e noite

O fondo de escritorio por omisión foi actualizado para esta publicación. A nova versión é unha mellora do tema de liñas do fondo de escritorio anterior. O novo fondo é dinámico, facéndose máis brillante e radiante segundo avanza o día, e máis escuro e con máis sombras ao anoitecer.

2.8. Preferencias do sistema melloradas

Preferencias do sistema tamén recibiu actualizacións en 3.4. Entre os cambios están:

Figura 9Preferencias de enerxía, agora máis bonitas
  • Mellora na disposición do panel de rede, que agora lle permite esquecer a configuración de redes de forma individual.
  • Un panel de enerxía remodelado, que inclúe unha sección de estado redeseñada.
  • Compatiblidade de tabletas gráficas Wacom moi mellorada, incluíndo o calibrado e a asignación de botóns, así como unha nova habilidade para configurar múltiples tabletas.
  • Navegación máis doada grazas ao renomeado dalgúns paneis e un botón «Todas as preferencias» actualizado.

2.9. Mellor compatibilidade de hardware

Varias pequenas melloras que contén esta publicación están agrupadas na compatibilidade e integración de hardware, facendo que GNOME 3 funcione con máis dispositivos hardware e fornecendo unha experiencia máis completa.

  • Melloras na calibración da cor, agora recordará para que dispositivo concreto é un perfil de cor.
  • Mellor xestión de «docking stations» e monitores externos, para que os portátiles permanezan acendidos (e non se suspendan) cando están conectados a un monitor externo, incluso se a tapa está pechada.
  • Compatibilidade para teclas de volume en altavoces USB e auriculares.
  • Nova compatibilidade para configuracións «multiseat», así como de dispositivos «multiseat» conectados por USB.

2.10. Documentación que realmente lle axuda

A documentación de usuario tradicional está escrita como un libro; unha boa historia, pero moi longa e que leva moito tempo ler. Non é ideal se simplemente quere saber como realizar certa tarefa. Para solucionalo, os seguintes aplicativos actualízanse gradualmente para fornecer unha documentación orientada a temas. Os seguintes aplicativos contan unha documentación nova en GNOME 3.4:

2.11. Compatibilidade para vídeochamadas e «Live Messenger»

Figura 10Novidades en Empathy: Vídeo chamadas

3.4 inclúe melloras no aplicativo de chat Empathy. Entre elas están unha nova interface de chamada de voz e videochamada. Isto fornece unha forma moi boa de facer videochamadas e está completamente integrado en GNOME 3, polo que pode responder de forma doada e rápida ás videochamadas que reciba

Outra das melloras en Empathy para esta publicación é a nova compatibilidade de «Windows Live Messaging» e o chat de Facebook, polo que conversar con amigos é máis doado que nunca.

Outras das melloras incluídas nesta publicación de Empathy son.

  • O diálogo de contas foi parcialmente redeseñado, facéndoo unha interface máis simplificada e máis doada de usar.
  • Mellorada a integración con Contactos, que simplifica a interface de usuario e permite que Empathy poida usar as funcionalidades de Contactos, como a suxestión de ligazóns de contactos.

2.12. Moitas melloras de aplicativos

Nesta publicación hai moitas outras melloras nos aplicativos de GNOME. Ademais do traballo de arranxo de fallos normal, hai melloras visíbeis e novas funcionalidades. Aquí están algunhas delas:

  • O xestor de ficheiros Nautilus agora inclúe unha función «Desfacer» que lle permite reverter os cambios que teña feitos. Isto é moi bo para corrixir equívocos!
  • O extractor de CD Sound Juicer conta con un novo fornecedor de metadatos que ten compatibilidade mellorada para álbumes con varios discos.
  • O editor de texto gedit agora pode executarse en Mac OS X igual que en GNOME.
  • O fotomatón da cámara web Cheese agora usa WebM como o formato de vídeo por omisión (no lugar de Theora).
  • Os xogos de GNOME foron modernizados. Eliminamos as barras de estado e engadímos menús de aplicativo.
  • O Monitor do sistema recibiu compatibilidade para Grupos de control.
  • O visor de imaxes (tamén chamado Ollo de GNOME) ten unha nova barra lateral de metadatos. Isto fai máis doado examinar imaxes e ver as súas propiedades ao mesmo tempo.
  • Agora é posíbel usar Evolution para conectarse con servidores Kolab Groupware, podendo usar múltiples contas Kolab ao mesmo tempo. Tamén se admite dese agora a compatibilidade para desconexión completa, lista extendida de libre/ocupado e detección e resolución de conflitos de sincronización.
  • O asistente de configuración de contas de Evolution detectará os fornecedores de correo electrónico máis importantes de forma automática, facendo máis doada a configuración das súas contas de correo electrónico. Como valor engadido, agora tamén lle permite reordenar as súas contas de correo na barra lateral.

3. Novidades en accesibilidade

GNOME 3.4 é a versión de GNOME máis accesíbel ate a data, con énfase na confiabilidade e usabilidade para todos. GNOME iniciou a campaña de recollida de fondos Amigos de GNOME para impulsar o seu compromiso coa accesibilidade con mais recursos para facer do 2012 o Ano da accesibilidade para GNOME.

Esta publicación inclúe importantes melloras nas características de accesibilidade de GNOME. Entre as que se inclúe:

3.1. Mellora na integración de Orca

A compatibilidade de GNOME 3 cos lectores de pantalla mellorou. Isto significa que os usuarios do lector de pantalla Orca agora poden usar GNOME 3 como o seu contorno de computación. Esta integración seguirá desenvolvéndose en futuras publicacións, e recomendámoslle aos usuarios de Orca que nos envíen os seus comentarios.

O rendemento de Orca foi mellorado substancialmente nesta publicación. Estas melloras significan que a nova versión é moito máis rápida e con mellor resposta.

3.2. Modo de contraste alto mellorado

Figura 11Novas iconas de contraste alto

O tema de contraste alto recibiu varias melloras neste ciclo. Os compoñentes de interface novos e actualizados de GNOME son compatíbeis polo modo de alto contraste. As iconas de alto contraste que se usan neste modo foron melloradas e estendidas, facendo que o alto contraste se vexa mellor e cubra máis de GNOME.

3.3. Configurar o zoom para axeitarse a vostede

Figura 12Novas preferencias de zoom

Engadíronse novas preferencias de configuración da característica de zoom (ou magnificador) para esta publicación. As novas opcións de zoom engadidas permítenlle cambiar o factor de magnificación, o seguimento do rato, a posición da vista magnificada na pantalla e activación de punto de mira para axudarlle a atopar o punteiro do seu rato ou área táctil.

4. Novidades para os desenvolvedores

Os seguintes cambios son importantes para os desenvolvedores que usen a Plataforma de desenvolvemento de GNOME 3.4. Se non está interesado nos cambios para os desenvolvedores, pode saltar á Sección 5 ― Internacionalización.

GNOME 3.4 inclúe a última publicación da Plataforma de desenvolvemento de GNOME. Esta consiste nun conxunto de bibliotecas con API, e ABI estábeis, dispoñíbeis baixo a licenza GNU LGPL que se poden usar para desenvolver aplicativos multiplataforma.

Para obter máis información sobre o desenvolvemento con GNOME visite o Centro de desenvolvemento de GNOME

4.1. GLib 2.32

Existen varias melloras para a biblioteca de utilidades para software de baixo nivel GLib:

  • A compatibilidade de «threads» foi rescrita. Como consecuencia, xa non é necesario chamar a g_thread_init().
  • O «backend» de almacenamento por omisión de GNOME GSettings obtivo compatibilidade nativa para Mac OS X. Tamén hai unha compatibilidade de GSettings para engadidos e extensións mediante GSettingsSchemaSource.
  • GResource fornece compatibilidade para empotrar recursos en binarios
  • Compatibilidade para Unicode 6.1
  • Nova interface do monitor de estado da rede GNetworkMonitor.
  • GLib e GTK+ introduciron os elementos de versións obsoletas. Usando GLIB_VERSION_MIN_REQUIRED (resp. GDK_VERSION_MIN_REQUIRED para GTK+) agora pode por exemplo recibir avisos sobre se o API está obsoleto antes da última versión estábel pero non para a última versión de desenvolvemento 2.31. A correspondente funcionalidade existe para dúas novas API usando GLIB_VERSION_MAX_ALLOWED (resp. GDK_VERSION_MAX_ALLOWED para GTK+).

4.2. GTK+ 3.4

GTK+ 3.4 é a última publicación do conxunto de ferramentas GTK+, que forma o corazón de GNOME. GTK+ 3.4 inclúe novas características para desenvolvedores, así como extensivos arranxos de erros.

  • Compatibilidade para CSS máis completa en temas e mellor compatibilidade de transparencia en temas e fondos
  • Xestión de atallos de teclado multiplataforma mellorado usando «Primary» no lugar de «Control»
  • Compatibilidade básica para os eventos táctiles (e compatibilidade para XInput 2.2): Os widgets poden obter eventos táctiles conectándose ao sinal GtkWidget::touch-event. GTK+ usa os eventos táctiles para implementar o desprazamento de kinetic en GtkScrolledWindow e o comportamento de menú compatíbel con eventos táctiles
  • Compatibilidade de desprazamento suave con unha dirección de desprazamento nova GDK_SCROLL_SMOOTH e a nova máscara de eventos GDK_SMOOTH_SCROLL_MASK. gdk_event_get_scroll_deltas() fornece os deltas de desprazamento.
  • Compatibilidade de sesión: GtkApplication permite unha notificación e negociación de peche de sesión (similar ao obsoleto EggSMClient)
  • Compatibilidade de menú e xanela en GtkApplication, incluíndo compatibilidade para Mac OS X.

4.3. Clutter 1.10

A biblioteca de gráficos de GNOME para as interfaces de usuario aceleradas por hardware Clutter obtivo as seguintes melloras:

  • Compatibilidade para múltiples «backend»: Clutter pode compilarse con compatibilidade para diferentes plataformas, e seleccionará o «backend» cando se execute.
  • «Backend» GDK: Clutter pode usar o GDK, a biblioteca do sistema de xanelas tamén empregado por GTK+.
  • Compatibilidade para suxestión de contrasinais nas entradas de texto: cando a suxestión de contrasinal está activada, o último carácter escrito no campo de texto mostrarase durante un anaco de tempo, así poderá escribir de forma segura os seus contrasinais e outros contidos agochados en plataformas con entrada de texto imprecisa (p.ex. teclados táctiles integrados na pantalla).
  • Uso das mesmas definicións para os elementos con versións obsoletas así como GLib e GTK+ (vexa máis arriba).
  • Mellor compatibilidade en Mac OS X e Wayland.
  • Nova API de gráficos de escena: ClutterActor é agora a única clase que xestiona as definicións de escenas dentro dun aplicativo Clutter. Isto fai obsoletos a maioría das interfaces ClutterContainer e ClutterGroup, ClutterRectangle e ClutterBox.
  • Nova API de animación implícita para ClutterActor.
  • Nova interface ClutterContent con dúas implementacións: Canvas para o debuxado Cairo, e Image para mostrar datos de imaxes. A interface Content admite a nova API de renderizado de obxectos para debuxar contidos dun actor.
  • Compatibilidade para localizar cadeas e GResource en definicións de IU de ClutterScript
  • Os modos repetir conta e progreso foron engadidos á clase Timeline.
  • Melloras de rendemento nos efectos baseados en GLSL que veñen con Clutter.
  • Novo efecto de brillo-contraste.

4.4. DConf

O «backend» de GSettings predeterminado de GNOME recibiu varias melloras:

  • Agora dConf pode ler múltiples bases de datos de configuración de usuario. O formato de perfil de dconf identifica explícitamente as bases de datos dconf do usuario e do sistema, fronte a asumir que só a primeira liña especifica unha base de dato de usuario. Os usuarios interesados en compartir parte do seu perfil de configuración entre varios sistemas, por exemplo mediante un cartafol persoal controlado por versións, poden usar esta característica para ler unha base de datos dconf compartida ademáis da base de datos dconf escríbel.
  • Agora dconf admite perfiles dconf especificados por unha ruta absoluta en $DCONF_PROFILE, fronte a só unha ruta relativa a /etc/dconf/profiles/. Isto permítelle aos usuarios especificar un perfil no seu cartafol persoal, por exemplo para especificar múltiples bases de datos de usuario.

4.5. Uso de bibliotecas obsoletas

Conseguise un maior progreso na substitución de tecnoloxías obsoletas con mellores instalacións.

  • Varios aplicativos (como gdm, gnome-control-center, gnome-games, gthumb, gucharmap, metacity, mutter e Rhythmbox) agora usan GSettings como «backend» de almacenamento no lugar do obsoleto GConf. No caso de mutter isto implica algúns cambios nas asociacións de teclas.
  • libgoffice, libgnomekbd e libxklavier recibiron compatibilidade de introspección que fai que o API de ditos módulos estea dispoñíbel automaticamente a gran cantidade de linguaxes de programación e contornos de execución. Nunha nota relacionada, gevice foi convertido do uso dos «bindings» obsoletos de Python ao uso de introspección.
  • Varios paquetes (como gnome-bluetooth, gnome-control-center, gnome-settings-daemon, gnome-shell, sound-juicer) pasaron de usar dbus-glib a GDBus e de libunique a G(tk)Application.

4.6. Actualizacións varias para desenvolvedores

Outras melloras na Plataforma de GNOME para a versión 3.4 inclúen:

  • A xestión de proxectos do Contorno de desenvolvemento integrado Anjuta é agora máis doado e potente. O aplicativo recibiu un novo diálogo «Buscar en ficheiros» que lle permite buscar ficheiros no proxecto, filtralos por cartafoles e ou tipos de ficheiros. A busca admite expresións regulares e tamén pode facer remprazos en todos ou nalgúns dos resultados. Anjuta tamén mellorou a súa integración co Deseñador de interfaces de usuario Glade permitíndolle conectar automaticamente widgets e código.
  • Varios aplicativos (como gnome-dictionary, gnome-system-monitor, transmageddon) ofrecen melloras na compatibilidade entre escritorios ao herdar a especificación de cartafoles de freedesktop.org.
  • Os desenvolvedores que usan o editor de texto gedit poden usar o novo engadido gedit-code-assistance que fornece asistencia de código para C, C++ e Objective-C empregando clang e asistencia de código para Python.
  • Evolution-Data-Server antes descargaba todas as mensaxes (antigas) ao engadir unha cona IMAP. Agora pode estabelecer só descargar as mensaxes antigas cando o requira. Isto aforra ancho de banda e espazo en disco. Tamén recibiu melloras na API de sincronización para incremetar o rendemento e eficiencia.
  • O novo módulo pygtkcompat.py de PyGObject fornece compatibilidade cara atrás máis doada para o PyGTK obsoleto.
  • Para a súa comodidade Empathy inclúe unha opción «Enviar a pastebin» na súa xanela de depuración.

5. Internacionalización

Grazas aos membros do Proxecto de tradución de GNOME mundial, GNOME 3.4 está dispoñíbel en máis de 50 idiomas con cando menos o 80 por cento das súas cadeas traducidas, inluíndo os manuais de administración e de usuario en moitos idiomas:

Idiomas incluídos:

  • Alemán
  • Asamés
  • Asturiano
  • Árabe
  • Bielorruso
  • Búlgaro
  • Catalán
  • Checo
  • Chinés (China)
  • Chinés (Hong Kong)
  • Chinés (Taiwán)
  • Coreano
  • Danés
  • Esloveno
  • Español
  • Estonio
  • Finlandés
  • Francés
  • Galego
  • Grego
  • Guxarati
  • Hebreo
  • Hindi
  • Holandés
  • Húngaro
  • Indonesio
  • Inglés (EE.UU.)
  • Inglés británico
  • Italiano
  • Letón
  • Lituano
  • Macedonio
  • Noruego Bokmål
  • Panxabí
  • Polaco
  • Portugués
  • Portugués de Brasil
  • Rumano
  • Ruso
  • Serbio
  • Sueco
  • Tailandés
  • Tamil
  • Telugu
  • Turco
  • Ucraniano
  • Uigur
  • Valenciano
  • Vasco
  • Vietnamita
  • Xaponés

Outros moitos idiomas están parcialmente admitidos, con máis da metade das mensaxes traducidas.

Traducir un paquete de software tan grande como GNOME a un idioma novo pode ser unha tarefa moi dura, incluso para o equipo de tradución máis motivado. Para esta publicación o equipo bielorruso realizou un gran esforzo, aumentando en máis de 39 puntos as súas traducións desde a versión 3.0. O equipo de Khmer tamén se merece unha felicitación xa 22 puntos máis desde o versión 3.2 e o equipo macedonio que incrementou o seu estado de tradución en 21 puntos desde a versión 3.2.

Hai statísticas detalladas e máis información na páxina de estado das traducións de GNOME.

6. Obter GNOME 3.4

Para instalar ou actualizar o seu computador a GNOME 3.4 recomendámoslle que instale os paquetes oficiais fornecidos polo seu fabricante ou distribuidor. As distribucións máis populares publicarán GNOME 3.4 moi pronto e algunhas xa teñen versións de desenvolvemento de GNOME 3.4 dispoñíbeis.

Se quere probar GNOME descargue unha das nosas imaxes «vivas». Están dispoñíbeis na nosa páxina Obter GNOME.

Se é paciente e valente, e quere contruír GNOME desde o código fonte, recomendámoslle usar JHBuild que está deseñado para construír o último GNOME desde Git. Pode usar JHBuild para construír GNOME 3.4.x usando o repositorio gnome-3.4.

7. Mirando ao futuro con GNOME 3.6

A seguinte publicación da serie GNOME 3 está prevista para setembro de 2012. Existen moitas características e melloras novas planeadas para 3.6.

7.1. Cambios visíbeis ao usuario

  • Continúa o traballo na integración perfecto dos compoñentes do sistema mentres se mantén un ollo nos pequenos detalles que lle farán a súa vida máis doada.

  • Boxes está en construción: Un novo aplicativo para GNOME 3 que permite conectarse de forma doada a equipos remotos así como a máquinas virtuais. Xa está dispoñíbel unha versión de probas de Boxes para GNOME 3.4, porén pode que non estea incluída aínda no seu sistema.

    Figura 13Boxes
  • Renderizado de mensaxes HTML mellorado en Evolution empregando WebKit no lugar de GtkHTML.

7.2. Cambios na accesibilidade

  • Continúan as melloras na accesibilidade de GNOME Shell mediante Orca e as seguintes melloras na compatibilidade de Orca para WebKit2GTK+.
  • O Magnificador de GNOME Shell fornecerá opcións adicionais para personalizar o brillo e contraste.

7.3. Cambios relativos ao desenvolvemento

  • Compatibilidade para motores de busca en GNOME-Shell que son fornecidos polos aplicativos.
  • Web poderían cambiar a WebKitGtk+2
  • Os plans de GTK+ para deixar de implementar os comportamentos dos widgets en xestores de eventos e no seu lugar movelos a un modelo onde os comportamentos se poden engadir a un widget como obxectos separados (similar a Clutter).

8. Créditos

Allan Day, André Klapper e Olav Vitters recopilaron estas notas de publicación coa axuda da comunidade de GNOME. A tradución ao Galego foi realizada por Fran Diéguez.

Esta publicación non sería posíbel sen o duro traballo e adicación da comunidade de GNOME. Felicidades e agradecementos a todos aqueles que o fixeron posíbel.

Estas notas de publicación pódense traducir libremente a calquera idioma. Se desexa traducilo ao seu idioma, contacte co Proxecto de tradución de GNOME.

Este documento distribúese baixo a Licenza Creative Commons Compartir-Igual 3.0. Copyright © O proxecto GNOME