Introducindo GNOME 3.20: Delhi

GNOME 3.20 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 28933 cambios realizados por 837 contribuidores aproximadamente.

3.20 foi nomeado «Delhi» en recoñecemento ao equipo de organización do GNOME Asia de este ano. GNOME.Asia é unha conferencia anual que se leva a cabo desde hai algúns anos en Asia, grazas ao duro traballo dos voluntarios locais.

Anove o seu sistema operativo sen esforzo

Xa era posíbel instalar actualizacións de software mediante o aplicativo Software. Porén, desde 3.20 tamén é posíbel anovar a versións maiores do seu sistema operativo. Esta é a primeira vez que GNOME ten esta habilidade o que significa que non precisará realizar unha nova instalación ou usar unha ferramenta de liña de ordes para obter a seguinte versión da súa distribución. Isto é un fito moi importante en aras de facer os sistemas baseados en GNOME máis amigábeis e accesíbeis para todos os usuarios.

Anovar o seu sistema operativo é moito máis doado e conveniente. Obterá notificacións automáticas cando exista unha nova anovación para descargar, e mostraráselle información sobre o progreso da descarga. A instalación da anovación realizarase mentres o seu sistema non se estea executando para facela máis segura e evitar erros.

Wayland está dispoñíbel

Wayland é a tecnoloxía de seguinte xeración para a pantalla e entrada en GNU/Linux. Elimina os fallos gráficos, soluciona erros antigos e dispón unha mellor base para aplicativos máis seguros. Wayland tamén fornece novas funcionalidasdes, como os xestos multitáctiles.

O traballo en facer GNOME usábel baixo Wayland estivo levándose a cabo durante algún tempo, e para 3.20 levouse a cabo unha gran cantidade de traballo nesta iniciativa. Entre as características que foron completadas en 3.20 están o desprazamento kinético, arrastrar e soltar, notificacións de inicio de aplicativo, pegar co botón do medio do rato e moitas máis. Este traballo significa que, para maioría dos usuarios, Wayland agora fornece unha experiencia usábel no día a día. Próbeo, seleccionando «GNOME en Wayland» desde o menú de opcións da pantalla de inicio de sesión.

Nota: algunhas características non están dispoñíbeis ao executar GNOME con Wayland, o que inclúe a compartición de pantalla e a compatibilidade con tabletas gráficas Wacom.

Edición de fotos simple e doada

Con 3.20 chegou a edición a Fotos. Os novos controles de edición son máis simples e doados de usar, ademais a edición non é destrutiva, deste xeito gardarase a súa foto orixinal e poderá desfacer os cambios. Entres as funcións de edición están o recorte, rotación, axuste de cor e mellorado de fotografías. Tamén conta con unha selección de filtros artísticos.

A edición ven acompañada pola nova característica de exportado que lle permite xerar copias das fotos editadas para compartir, imprimir ou gardar. A opción de exportar nun tamaño reducido é útil para subilas a internet e enviar por correo electrónico.

A última publicación de Fotos tamén inclúe melloras e pequenos arranxos de erros.

Coñeza todo os atallos

As xanelas de atallos son unha nova forma de obter información sobre os atallos nos aplicativos GNOME. Cada xanela de atallos mostra os atallos de teclado e xestos multitáctiles (como nas áreas táctiles) para un aplicativo, así como as súas funcións correspondentes. Os grupos e páxinas axudan coa navegación e a busca permítelle atopar os atallos específicos que podería estar buscando.

Moitos aplicativos de GNOME contan con xanelas de atallos en 3.20, incluíndo Ficheiros, Vídeos, Fotos, gedit, Builder, Mapas e moitos máis. En cada aplicativo, a xanela de atallos pode abrirse desde o menú de aplicativo, ou usando o atallo Ctrl+? ou Ctrl+F1

Acceso rápido aos controles multimedia

Con GNOME 3.20, os controles multimedia están agora integrados e móstranse no área de notificacións/reloxo. Isto fornece unha forma rápida de acceder aos aplicativos de música e vídeo que están actualmente en uso. Tamén se poden mostrar á vez os controles para varios aplicativos multimedia.

Os controles mostran o nome e artista da pista que se está reproducindo no momento, a cal pode parar e reiniciar. Tamén é posíbel saltar á seguinte e á anterior. Esta nova característica funciona con un gran número de reprodutores de música, usando o estándar común MPRIS.

Anove o seu IRC

3.20 é unha importante publicación para Polari, o aplicativo de IRC de GNOME. O servizo de compartición en liña «paste», que foi introducido na anterior publicación, foi mellorado de forma substancial: ademais de permitir pegar bloques de texto para compartir, agora tamén é posíbel pegar imaxes directamente nas conversas para compartilos usando Imgur.

En 3.20 tamén se mellorou engadir servidores e salas de conversa, así como ter preferencias por servidor. Agora engadir un servidor é cuestión de escoller un desde unha lista, fronte a ter que escribir o enderezo manualmente. Isto non só é máis doado senón que asegura que se escolle a conexión máis segura. En 3.20 tamén se pode acceder ás preferencias do servidor desde a barra lateral, o cal é máis conveniente e natural. Estes cambios foron implementados por Isabella Ribeiro, como parte da súa participación no programa «Outreachy»

A nova versión de Polari ofrece moitas máis características tradicionais de IRC, como a orde /msg, o completado con tabulacións para as ordes IRC e a habilidade para abrir ligazóns IRC.

Ademais destas características, 3.20 inclúe outros pequenos cambios:

  • Polari agora pode xestionar os contrasinais dos servidores (isto é especialmente útil ao usar bouncers , como ZNC).

  • Mellorouse o aspecto, con unha barra de entrada reestilizada e novas animaciós de texto.

  • A xestión de mensaxes de estado é máis intelixente, para reducir o ruído nas salas de conversa.

  • Engadíronse novos atallos de teclado (vexa a xanela de atallos de Polari)

Aplicativo «Ficheiros» máis pulido

O aplicativo Ficheiros obtivo un gran pulido en 3.20. A busca mellorouse especialmente: os filtros de busca foron mellorados e son moito máis simples e doados de usar que a versión anterior. Tamén se fixo a busca máis robusta: solucionáronse os problemas de rendemento, e a interface é máis rápida e máis adaptábel.

Ficheiros tamén é máis compacto e é máis doado entender o diálogo de preferencias en 3.20. Isto inclúe novas preferencias para mostrar as accións de eliminación permanente e crear ligazóns simbólicas, así como o comportamento de busca recursiva.

Entre as pequenas melloras en 3.20 inclúense un nivel de ampliación adicional nas vistas de listado e grella, miniaturas máis grandes e a información do espazo dispoñíbel e restante para as unidades na vista de outros lugares.

Obter GNOME 3.20

O Software de GNOME é Software libre: todo o noso código está dispoñíbel para descargar e pode modificarse e redistribuírse de forma libre. Para instalalo recomendámoslle que agarde polos paquetes oficiais fornecidos polo seu fabricante ou distribución. As distribucións máis populares contarán con GNOME 3.20 moi pronto, e xa hai algunhas versións de desenvolvemento que inclúen a nova versión de GNOME.

Sobre GNOME

O proxecto GNOME é unha comunidade internacional apoiada por unha Fundación sen ánimo de lucro. Céntrase na mellora da experiencia de usuario, internacionalización de primeira clase e accesibilidade. GNOME é un proxecto de código aberto e libre: se quere unirse a nós, pode facelo.