Novidades para desenvolvedores, administradores de sistema e distribuidores

GNOME 3.14 introduce un conxunto de novas características e melloras para aqueles que traballan coas tecnoloxías de GNOME.

Inspector de GTK+

Con 3.14,GTK+ inclúe un novo e incríbel inspector interactivo. Isto permítelle examinar un aplicativo GTK+ en execución, con selección interactiva de trebellos e elementos da interface. As propiedades e CSS pódense ver e editar en vivo, e o inspector tamén fornece acceso para probar e inspeccionar preferencias, como a emulación de pantalla táctil, escalado de xanelas, preferencias de tema e tipos de letra, dirección de texto e moito máis.

Inspector de GTK+ é unha ferramenta de desenvolvemento e probas incribelmente útil. Pode ser invocada desde calquera lugar coa combinación de teclado Ctrl+Maiús+I.

Integración CSS para iconas e recursos

A compatibilidade de CSS de GTK+ continuou a súa expansión en 3.14, e agora conta con unha integración maior con temas de iconas e recursos SVG. As iconas desde un tema de iconas poden chamarse directamente desde CSS, e poden usarse os recursos SVG para poñerlle estilo aos «spinners», frechas, marcas de comprobación, radios e expansores. Isto pode usarse para integrar un tema GTK+ con un tema de iconas para unha aparencia consistente, e fornece unha forma conveniente para aplicar estilo a elementos simbólicos dun tema.

Ás iconas SVG e os recursos poden cambiárselles o estilo e transformados mediante CSS. Ás iconas simbólicas pode cambiárselle a cor e poden ter sombras e animacións. Un tema tamén pode especificar se usa variantes de iconas normais ou simbólicas (monótonas).

Pode atopar máis inforamción no artigo de Benjamin Otte sobre este asunto.

Outro fito para Wayland

3.14 é outro fito importante no camiño cara a completa adopción de Wayland por GNOME. As pezas críticas da funcionalidade que faltaba están no seu lugar, incluíndo a configuración de teclado, compatibilidade de pantalla táctil, compatibilidade de arrastrar e soltar, menús contextuais funcionais, axudas emerxentes e caixas de comprobación, compatibilidade con pantallas de alta resolución e mover/redimensionar xanelas.

Mellorouse enormemente a estabilidade no ciclo de desenvolvemento de 3.14 e un gran número de erros foron solucionados. Como resultado desde traballo, GNOME agora fornece unha experiencia Wayland usábel, o cal pode servir como base para máis probas e traballo de estabilidade.

Animamos aos desenvolvedores a probar GNOME e os seus aplicativos con Wayland. Para obter máis información sobre como facer isto, e sobre GNOME sobre Wayland en xeral, desde a páxina de wiki de GNOME sobre Wayland.

Xestos

GTK+ conta agora con compatibilidade para interacción con xestos. Con 3.14, a maioría dos xestos multitáctiles comúns están dispoñíbeis pra o seu uso en aplicativos GTK+, como tocar, arrastrar, desprazar, beliscar e rotar. Pode engadir xestos novos aos aplicativos GTK+ usando GtkGesture.

Os xestos actualmente só se admiten en dispositivos con pantallas táctiles - as áreas táctiles non están incluídas.

Novo tema GTK+ predeterminado

Desde 3.14, Adwaita reempraza a Raleigh como tema GTK+ predeterminado. Isto asegura que GTK+ teña un tema predeterminado atractivo, completo e actualizado para todas as plataformas. Adwaita emprega as últimas características de CSS de GTK+, e admite todos os novos trebellos de GTK+.

Para permitir este movemento, Adwaita foi completamente reescrito para 3.14. A nova versión é máis compacta, sostíbel e flexíbel, e fai uso de máis características de CSS, como as animacións.

Directrices da interface de usuario

GNOME 3.14 inclúe un novo e actualizado conxunto de Directrices de Interfaces Humanas (HIG). Estas fornecen unha guía de deseño completa para o último GTK+, o que lle permite aos desenvolvedores e deseñadores obter o máximo do «toolkit». O HIG inclúe directrices para a disposición, estilo de escritura, iconas, tipografía e entrada. Tamén incorpora un conxunto de patróns de deseño, que pode usar para construír o deseño dun aplicativo completo, así como as notas de deseño para varios trebellos de GTK+.

A nova versión de HIG está deseñada para fornecer unha guía para todos os usuarios de GTK+, incluíndo os autores de aplicativos multiplataforma, así como aqueles enfocados en GNOME 3.

Outras melloras en GTK+

GTK+ 3.14 inclúe un conxunto de outras melloras e arranxos de erros. Entre as que están:

  • Carga automática de menús desde os recursos.

  • Compatibilidade para a multiselección en GtkListBox.

  • Seccións horizontais nos menús superpostos.

  • Ligazóns de propiedades nos ficheiros de GtkBuilder.

  • Compatibilidade para debuxar fóra do espazo dos widget (vexa gtk_widget_set_clip()).

  • Novos tipos de transición en GtkStack.

  • Carga e gardado de ficheiros con GtkSourceView.

GLib 3.14

GLib 3.14 inclúe:

  • Compatibilidade para a nova Especificación de asociacións de aplicativos MIME

  • Compatibilidade de SHA-512 en GHmac.

  • Compatibilidade para «Implements» nos ficheiros desktop, vexa g_desktop_app_info_get_implementations().

  • Compatibilidade para Unicode 7.0