Actualizacións na experiencia de usuario principal de GNOME

A última publicación de GNOME inclúe outras novas características e melloras na experiencia de usuario principal de GNOME.

Integración da nube ampliada

O camiño de integrar GNOME 3 con servizos na nube continúa en 3.12. Unha das principais características novas desta versión é a introdución da integración con Google Cloud Print. Isto permítelle imprimir desde GNOME en impresoras que estean conectadas ao servizo de Google Cloud Print. Tamén lle permite engadir documentos a Google Drive. Estas opcións pódense atopar no diálogo estándar de impresión de GNOME, e están dispoñíbeis cando se teña configurado unha conta de Gooole na configuración das Contas en liña.

Outras melloras na integración coa nube en 3.12 inclúen:

  • Engadiuse a integración con Pocket a Videos, polo que pode ver os vídeos almacenados na súa conta de Pocket co reprodutor de vídeos de GNOME.

  • Photos incorpora agora integración con Facebook, polo que agora pode explorar as fotos de Facebook xunto a outras orixes de fotos.

  • En Preferencias, agora é posíbel seleccionar imaxes desde a súa conta de Flickr para usalas como fondo de pantalla.

Xanelas emerxentes «popovers»

GNOME 3.12 incorpora un novo elemento de interface, chamados «popovers». Estas burbullas superpostas son extremadamente flexíbeis e permiten deseños de interface máis flexíbeis para moitas tarefas comúns. Tamén permiten solucións de deseño máis creativas e atractivas. As xanelas emerxentes úsanse en moitos lugares en 3.12 e faranse máis comúns nas vindeiras versións.

Asistente de configuración inicial redeseñado

Redeseñouse o Asistente de configuración inicial de GNOME, o cal lle axuda a configurar GNOME a primeira vez que o arrinca. Baseado no estudo de usabilidade do Intel Open Source Technology Center, cada paso do proceso do asistente foi redeseñado para facelo máis doado e amigábel de usar. Entre as melloras están a separación en pasos para seleccionar o idioma e rexión, un mapa máis grande para seleccionar o fuso horario, a posibilidade de seleccionar unha imaxe para a conta de usuario e melloras gráficas en xeral.

Xeolocalización anovada

O novo marco de traballo de GNOME foi introducido por primeira vez na versión anterior. Desde entón, recibiu importantes actualizacións. O posicionamento por torre de teléfono, GPS ou puntos de acceso WiFi cercanos foron engadidos como métodos para determinar a localización (GPS só se admite cando está incluído en módems 3G), facendo que o posicionamento sexa máis preciso.

Tamén se engadiu informació e controis de xeolocalización en 3.12. Agora móstrase unha icona na barra superior cando un aplicativo está usando os servizos de localización e os controis de xeolocalización tamén se engadiron no menú de estado do sistema. No futuro agárdase que se engadan controis de privacidade máis precisos.

O posicionamento WiFi emprega o Mozilla Location Service, o que significa que pode axudarlle a mellorar a precisión do aplicativo de Android MozStumbler no seu teléfono.

Un gran paso adiante con Wayland

Wayland é a próxima tecnoloxía para a visualización e entrada en GNU/Linux. Ofrecerá gráficos mellorados e eliminará as limitacións das tecnoloxías existentes. Tamén conta coa base para contar con aplicativos máis seguros.

Na versión 3.10 engadiuse a compatibilidade experimental inicial de Wayland. Desde entón, fixéronse grandes avances. Engadiuse nova funcionalidade para o inicio de sesión e para xestionar a entrada, e mellorouse a estabilidade e compatibilidade con aplicativos antigos baseados en X11.

Se vostede é un desenvolvedor ou usuario avanzado, pode probar o último traballo de Wayland: vexa as notas do desenvolvedor para obter máis información. Continuamos no camiño cara Wayland na seguinte publicación de GNOME.

Lapelas redeseñadas

As lapelas obtiveron unha actualización de deseño en 3.12. O novo estilo visual funciona de maneira máis harmoniosa en diferentes contextos, como cando o contido dunha xanela ten varios cores de fondo, ou cando as lapelas están incrustradas noutros widgets. Tamén usan a maior parte do espazo da pantalla dispoñíbel, e o novo estilo ofrece pistas visuais claras sobre a posibilidade de arrastrar xanelas.

Novas preferencias de Bluetooth

GNOME 3.12 inclúe nova configuración de Bluetooth nova. Redeseñado desde cero, as novas preferencias foron simplificadas para facelas máis doadas de usar. No lugar de requirirlle ao usuario usar un botón separado para facer o seu dispositivo sexa visíbel, ou que prema un botón para engadir un botón para engadir un novo dispositivo, o panel automaticamente descobre novos dispositivos. Isto significa que emparellar un novo dispositivo é cuestión de premer no dispositivo en canto sexa descuberto automaticamente.

As novas preferencias de Bluetooth tamén inclúen diálogos de propiedades redeseñados para os dispositivos Bluetooth.

Outras melloras

Hai moitas outras pequenas melloras na experiencia de usuario principal en 3.12. Entre as que están:

  • Varias melloras técnicas que teñen como resultado tempos de inicio máis curtos.

  • Un tema de iconas simbólicas actualizado, con moitas iconas melloradas.

  • As melloras no tema visual, incluíndo separadores máis suaves con botóns para pechar xanelas, fondos mellorados para botóns premidos e barras de ferramentas flotantes máis atractivas.

  • Animacións melloradas: animáronse varias transicións en 3.12, a animación de ampliación de inicio foi refinada e as animacións de arrastrar xanelas ao bordo da pantalla foron melloradas notabelmente.

  • Navegación de teclado mellorada na Vista de actividades.

  • O fondo de pantalla por omisión foi actualizado para usar un novo estilo que coincide coa imaxe de bloqueo de pantalla por omisión. Como os anteriores fondos de pantalla este cambia sutilmente a súa aparencia ao longo do día.

  • Mellorouse a accesibilidade para as ligazóns nas etiquetas, menús e diálogos de selección de cor.