Aplicativos novos e actualizados

Outros aplicativos recibiron actualizacións importantes para 3.12 e esta versión tamén inclúe un conxunto de aplicativos novos. Ademais, hai moitos melloras e pequenos arranxos de erros nos aplicativos de GNOME desta publicación.

Navegador Web actualizado

Web, o navegador de GNOME, conta con unha longa lista de melloras de interface en 3.12. Redeseñouse a barra de enderezos, o que lle permite manter a barra de cabeceira limpa e informativa, ten un estilo novo para as xanelas de incógnito, mellorouse a xestión de descargas, actualizouse a páxina Máis visitadas (que lle permite ir directamente ás páxinas que máis visita), diálogos de cookies e contrasinais redeseñados e melloráronse as páxinas de erro.

A nova versión inclúe grandes melloras de rendemento entre os que destacamos o inicio máis rápido e melloras na velocidade de carga de páxina.

Vista previsa dos aplicativos novos en 3.12

GNOME 3.12 inclúe tres novos aplicativos en vista previa:Polari, Gravadora de son e Rexistros. Polari é un novo cliente IRC moderno para GNOME, que fornece unha forma efectiva e simplificada de comunicarse usando o popular protocolo de chat IRC. Gravadora de son é unha utilidade para gravar son desde o seu computador. Deseñada para ser doada de usar, mostra unha vista previa das súas gravacións anteriores, as cales pode reproducir directamente desde o aplicativo. Finalmente Rexistros é unha nova utilidade do sistema para revisar os rexistros do software no seu computador. Está deseñado para permitirlle aos usuarios e desenvolvedores atopar facilmente a orixe dos problemas. Rexistros aproveita as potentes capacidades de «journaling» fornecidas por systemd.

Todos estes aplicativos en vista previa son moi novos e son publicados por primeira vez co propósito de levar a cabo probas e recoller comentarios dos usuarios.

Paquete de xogos actualizado

Os xogos de GNOME foron actualizados na versión 3.12. Modernizouse a distribución da xanela nun total de 10 xogos (entre os que están Xadrez, Cinco ou máis, Catro en raia, Iagno, Mahjongg, Minas, Quadrapassel, Swell Foop, Tetravex e Tali). Luces fóra e Quadrapassel agora usan o tema de xanela escuro para que coincida cos seus estilos visuais e Catro en fila ten un novo tema que usa o deseño do conxunto de iconas Faenza.

Ademais, Xadrez e Iagno melloraron a lóxica do xogo para esta versión. En ámbolos dous xogos o xogador do computador móvese máis lento para darlle ao xogo unha sensación máis natural e agora é máis doado xogar contra o computador en Chess usando o motor de GNU Chess.

Actualización de Fotos

Engadiuse a busca a Fotos en 3.12, incluíndo a posibilidade de buscar fotos desde a Vista de actividades. Tamén ten integración con Facebook, o que lle permite ver as súas fotos de Facebook directamente desde o aplicativo. Tamén se mellorou a xestión de capturas de pantalla polo que agora as capturas ordénanse automaticamente nun álbum especial. Por último, mellorouse o rendemento: Fotos agora carga moito máis rápido cando ten unha colección moi grande.

Un Terminal con máis características

O Terminal ten varias características novas. Agora axusta automaticamente as liñas (hai unha opción para configurar este comportamento), e a nova versión inclúe unha opción para usar o tema visual escuro para as xanelas do Terminal. Tamén se engadiu a popular paleta de cor Solar á configuración de color. Por último, agora é posíbel buscar terminais desde a Vista de actividades: buscar por un comando ou por localizacións mostrará os terminais abertos e permitiralle cambiarse rapidamente a eles.

Outras melloras en aplicativos

  • Notas ten una opción nova para abrir notas nunha xanela nova, así como unha papeleira para evitar que se borren notas accidentalmente.

  • Caixas recibiu melloras na rede, o que derivou en velocidades de conexión máis rápidas e na posibilidade de estabelecer comunicación entre caixas, así como as caixas e o equipo anfitrión.

  • En Caixas, tamén se engadiu a opción de importar caixas existentes desde o sistema anfitrión e a detección de sistema operativo foi estendida para cubrir máis tipos e versións de SO.

  • Agora pode crear listas de reprodución en Música.

  • En 3.12, o intercambio entre localizacións en Mapas é máis suave. A busca autocompletará as buscas anteriores, e hai un nivel de ampliación mínimo mellor.

  • Evince incorpora melloras na accesibilidade para ler ficheiros PDF. Para a próxima versión hai planificadas máis melloras na accesibilidade.