Introdundo GNOME 3.26: «Manchester»

GNOME 3.26 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 24105 cambios realizados por 778 contribuidores aproximadamente.

3.26 foi nomeado «Manchester» en recoñecemento ao equipo organizador da GUADEC do último ano. A GUADEC é a principal conferencia anual de GNOME só posíbel grazas ao incríbel traballo dos voluntarios locais. O evento de este ano levouse acabo en Manchester, Gran Bretaña, e foi un grande éxito. Grazas equipo de Manchester!

Nova visualización para as Preferencias

GNOME 3.26 introduce unha nova disposición para o aplicativo Preferencias. A anterior grella de iconas foise e, no seu lugar, unha nova barra lateral permite cambiar entre as distintas áreas. A nova barra lateral fai máis doao e simple navegar dentro do aplicativo de preferencias e dispón as preferencias máis usadas á man. Isto significa que a xanela de Preferencias é máis grande e pode redimensionarse o cal é moito máis cómodo en moitas situacións.

As preferencias de rede de GNOME foron melloradas como parte deste traballo: o Wifi agora ten a súa propia área de preferencias e o diálogo de Preferencias de rede foi redeseñado, polo que está máis ordenado, limpo e fácil de usar.

Emoticonas con cor! 👍💎🍩🐈

As emoticonas con cor chegaron a GNOME! Agora mostraranse na súa gloriedade coloreada cando aparezan. Tamén se engadiron varias formas de inserir emoticonas en GNOME 3.26. Isto inclúe o aplicativo Caracteres, que agora permítelle navegar e buscar emoticonas e copialas en mensaxes e documentos. Polari, o cliente de IRC de GNOME ten un selector de emoticonas adicado e está dispoñíbel unha ferramenta similar para usala noutros aplicativos.

Sincronización no navegador

En Web, o navegador web de GNOME, agora é posíbel sincronizar os seus marcadores, contrasinais e historial de navegación usando o servizo Firefox Sync. Isto fai posíbel manter unha copia en liña da súa información e compartila co seu navegador Firefox, tanto en escritorio como no móbil.

Firefox Sync pode configurarse desde as preferencias de aplicativo de Web.

Preferencias de pantalla redeseñadas

As preferencias de pantalla de GNOME foron redeseñadas en 3.26. O novo deseño trae as preferencias máis relevantes á parte frontal, polo que será máis doado ver dunha ollada como están configuradas as súas pantallas. Cando hai varias pantallas conectadas, unha simple fila de botóns permitiralle seleccionar como quere usalas.

As novas preferencias de pantalla inclúen unha versión en vista previa da nova preferencia de escalado. Isto fai que o tamaño do que se mostra en pantalla se axuste para coincidir coa densidade (normalmente expresada en PPI ou DPI) da súa pantalla, o que fai que se mostre en pantalla a cantidade correcta de contido, así como facelo máis doado de ler.

A característica de escalado de pantalla agardase que madure en futuras publicacións. Para unha mellor experiencia recoméndase Wayland no lugar de X11, xa que X11 non admite a configuración individual por pantalla.

Axustes de sistema

Realizaronse varios axustes visuais moi visíbeis para GNOME 3.26. Entre os que están:

  • As xanelas agora transicionan de forma suave entre os estados maximizado, desmaximizado ou axustado á metade da pantalla. Ademáis de verse mellor, isto fai máis doado saber o que está acontecendo na pantalla.

  • Incrementouse o tamaño das miniaturas de pantalla na Vista xeral de Actividades, facendo máis doado seleccionar a xanela que quere.

  • A barra superior agora faise transparente cando non hai ningunha xanela maximizada. Isto é máis agradábel e fornece unhha mellor sensación de espacio.

  • O diálogo que lle informa cando un aplicativo non está respondendo ten un novo estilo, o cal o fai máis integrado e refinado.

E iso non é todo…

Como xa é habitual, hai outras moitas pequenas melloras nesta publicación de GNOME. Aquí están algunhas delas:

  • Caixas, o aplicativo de máquinas remotas e virtuais, agora permite compartir cartafoles entre unha máquina virtual e o seu computador. Para usar esta característica, simplemente seleccione que cartafoles quere compartir desde as preferencias da caixa, e aparecerán como localizacións de rede no convidado.

  • En Software, as anovacións agora están agrupadas por tipo e fornece información de progreso máis exacta mentres se instala.

  • Escáner sinxelo, o aplicativo de GNOME para escanear imaxes e documentos, obtivo algunhas melloras de interface para 3.26. Unha nova pantalla de benvida fornece axuda útil, as ferramentas de edición fan máis doado identificar as preferencias ás que se pode acceder desde a barra de cabeceira.

  • Rexistros agora agrupa mensaxes similares, o que fai que o historial sexa máis curto, facendo que sexa máis doado atopar o que está buscando.

  • Polari — o aplicativo de IRC — ten un novo asistente de configuración inicial, o que fai máis doado conectarse e comezar a chatear.

  • Cando redimensiona un sistema de ficheiros con Discos agora é posíbel redimensionar a súa partición, o cal na maioría dos casos aforra unha tarefa adicional.

  • Mapas obtivo pequenas melloras: novos atallos de teclado, móstrase máis información sobre os lugares e recórdase o último medio de transporte cando se visualizan rutas.

  • Os aplicativos de calendarios, contactos, lista de tarefas e correo electrónico de GNOME agora funcionan mellor cando non está conectado — moitos elementos agora poden editarse cando non ten unha conexión a internet, subindo os cambios a seguinte vez que se conecte.

  • Fotos ten novos controles de ampliación.

  • Agora é posíbel engadir e editar eventos recurrentes en Calendario.

  • Terminal agora realza e fai máis doado abrir hiperligazóns.

  • En Evolution, a nova barra de Lista de tarefas permítelle ver unha lista dos seguintes eventos e tarefas. Ademáis, agora é posíbel usar Evolution sen ter unha conta de correo.

  • A Ferramenta de axustes foi renomeada a Axustes e obtivo tres novas preferencias: unha para mover os botóns da xanela á esquerda ou á dereita, unha opción Desctivar mentres se escribe para as áreas táctiles e unha opción para mostrar o porcentaxe de batería na barra superior. Tamén se realizou unha boa limpeza e refinamento na súa interface.

GNOME 3.26 xa non mostra iconas de estado na parte inferior dereita da pantalla. Isto evita que a bandexa de iconas de estado moleste e agárdase que forneza unha mellor experiencia global. Non se agarda que a falta de iconas de estado cause problemas importantes aos usuarios. Porén, se precisa ter acceso a eles pode restauralos usando a extensión TopIcons. Para obter máis información deste cambio visite o artigo do blogue sobre este asunto.

Obter GNOME 3.26

O Software de GNOME é Software libre: todo o noso código está dispoñíbel para descargar e pode modificarse e redistribuirse de forma libre. Para instalalo recomendámoslle que agarde polos paquetes oficiais fornecidos polo seu fabricante ou distribución. As distribucións máis populares contarán con GNOME 3.26 moi pronto, e algunhas delas xa inclúen versións de desenvolvemento da nova publicación de GNOME.

Sobre GNOME

O proxecto GNOME é unha comunidade internacional apoidada por unha Fundación sen ánimo de lucro. Estamos enfocados nunha experiencia de usuario excelente e unha internacionalización e accesibilidade de primera clase. GNOME é un proxecto aberto e libre: se quere unirse a nós, pode facelo..