Aplicativos novos e actualizados

GNOME 3.10 inclúe un novo conxunto de aplicativos, incluíndo Música, Fotos, Notas e Mapas. Tamén se melloraron moitos dos aplicativos xa existentes.

Música

Música está pensado para que sexa o aplicativo de reprodución de son por omisión para GNOME 3 e realiza o seu debut en GNOME 3.10 con un avance da tecnoloxía. Música fornece unha interface clara e concisa para explorar a súa colección de música filtrando por Artista, Álbum ou Canción. No futuro, planease ter compatibilidade para reproducir música desde servidores multimedia (mediante UPNP) e obter música desde fontes en liña.

Mapas

Mapas é un novo aplicativo para ver de mapas en GNOME. Baseado nos datos colaborativos de OpenStreetMap, no cal contribúen centos de milleiros de persoas de todo o mundo, permítelle explorar mapas de rúas e imaxes de satélite. Mapas permítelle buscar nomes de cidades, rúas e puntos destacados ou lugares de interese como «cafeterías preto da rúa do Vilar, Santiago de Compostela» ou «Hoteis en Ourense».

O novo marco de traballo para xeolocalización de GNOME, que se creou para a versión 3.10, úsase para identificar onde está, mostrar mapas da súa localización actual e atopar lugares cando busca.

Fotos

Fotos é un aplicativo introducido por primeira vez en GNOME 3.8. Desde aquela madurou e agora é un membro totalmente cualificado do conxunto de aplicativos principais. Fotos permítelle explorar, organizar e imprimir as súas fotografías, e intégrase coas Contas en liña. Pode explorar as fotografías da súa conta de Flickr directamente desde o aplicativo, e estamos traballando para engadir máis servizos de fotografía en liña. Fotos tamén pode enviar as súas fotos para que se mostren noutros dispositivos, como televisores con DLNA, teléfonos intelixentes ou outros computadores que executen GNOME.

Notas

Notas foi introducido orixinalmente en GNOME 3.8 como Bijiben. Desde aquela madurou e incluíuse a posibilidade de gardar notas en ownCloud. Notas fornece unha interface sinxela para escribir, explorar e buscar notas, ademais garda o seu traballo automaticamente para non perdelo.

Reloxos

O cronómetro e o temporizador de Reloxos teñen agora un temporizador analóxico o cal é máis visual e proporciona unha resposta adicional. Reloxos admite agora tamén xeolocalización: se é posíbel detectará automaticamente en que lugar do mundo está vostede e mostrará o reloxo para a cidade máis próxima.

Ferramenta de axustes

A Ferramenta de axustes foi acualizada completamente para a versión 3.10 de GNOME. As opcións de configuración foron reorganizadas para facilitar a súa navegación e a disposición e o etiquetado de cada opción foi revisado para que sexa máis doado de entender.

Web

Web, o navegador de GNOME, obtivo varias melloras para 3.10. Coma algúns outros aplicativos, a súa barra de título e a barra de ferramentas combinouse nunha barra de cabeceira. Isto ofrece máis espazo na pantalla para mostrar as páxinas web. Web proporciona tamén integración coa busca do sistema, polo que pode buscar no seu historial web e abrir páxinas directamente desde a Vista de actividades. Finalmente, e como parte do noso esforzo por protexer a súa privacidade, o motor de busca en web por omisión cambiouse a DuckDuckGo.

Outras melloras en aplicativos

  • Caixas agora pode importar imaxes do sistema de ficheiros, o que inclúe ficheiros de QEMU (.cow, .qcow e .qcow2), imaxes de disco en bruto (.img), VirtualBox 1.1 (.vdi), VMWare 3 e 4 (.vmdk), VirtualPC (.vpc) e imaxes de Linux Loop comprimidas (.cloop). A versión 3.10 tamén inclúe pequenas melloras na interface de usuario.

  • Documentos pode agora explorar e ler documentos almacenados en ownCloud.

  • Contactos ten moitas melloras na interface de usuario, entre as que se inclúen unha lista de contactos actualizada, un panel de contactos con melloras visuais e novos diálogos para ligar contactos e para cambiar a súa axenda de enderezos.

  • O Visor de documentos conta agora con compatibilidade para DjVu e inclúe un novo panel lateral con navegación por teclado. Inclúe a esperada compatibilidade de navegación sobre PDF co cursor e o teclado. Esta característica pon un cursor movíbel nas páxinas de texto, que pode mover co seu teclado. A navegación co cursor pode activarse premendo F7. O traballo para esta característica financiouse coa campaña de accesibilidade de Amigos de GNOME.

  • En Boxes, é posíbel arrastrar ficheiros entre o seu computador e as máquinas virtuais. Isto funcionará automaticamente coas novas máquinas virtuais creadas coa opción de instalación express. As instalacións non express ou máquinas virtuais antigas requiren un novo spice-vdagent; as máquinas virtuais de Microsoft Windows requiren spice-guest-tools.