Presentamos GNOME 3.10

O proxecto GNOME ten a honra de presentar GNOME 3.10. Esta nova publicación chega 6 meses despois de 3.8 e contén 34786 cambios feitos por aproximadamente 985 persoas. Esta nova versión conta con numerosas características novas así coma un enorme número de pequenas melloras. 3.10 fornece unha experiencia mellorada para os usuarios, así como novas características para os desenvolvedores de aplicativos.

Entre as novas características de GNOME 3.10 están:

Wayland

Wayland é a seguinte xeración tecnolóxica para pantallas e métodos de entrada en Linux. Promete suavizar os gráficos, con animacións e transicións melloradas. A moderna arquitectura de Wayland fornecerá unha gran flexibilidade para os desenvolvedores e permitirá aplicativos máis seguros en «caixas protexidas». GNOME 3.10 introduce a compatibilidade experimental de Wayland, o que lle permite a GNOME e aos aplicativos de GNOME executarse usando Wayland. Este é un fito moi importante para a completa adopción de Wayland, e permitiralles aos desenvolvedores probar o seu software en Wayland. Pode atopar máis información nas notas para desenvolvedores.

Estado do sistema integrado

GNOME 3.10 conta cunha área de estado do sistema nova e redeseñada. Nas versións anteriores, o área de estado do sistema estaba formada por unha serie de menús na esquina da barra superior. a nova área do sistema substitúe isto cun único menú. Polo que lle permitirá ver de forma rápida o estado do seu dispositivo, tamén lle permite ter unha barra superior máis enfocada que mostra a información que lle importa. Entre outras melloras, o novo menú fornece unha interacción de rato máis doada, melloras na privacidade, un novo regulador de brillo da pantalla e un modo avión mellorado.

Barras de cabeceira

Introduciuse un novo elemento de interface en 3.10: as barras de cabeceira. Estas combinan as barras de título e as barras de ferramentas nun único elemento. As barras de cabeceira tamén permiten interfaces de aplicación máis dinámicas con controis que se axustan á vista actual e aseguran que os botóns de peche de xanela sempre están presentes, sen importar se a xanela está maximizada ou non.

Novos aplicativos

A misión de GNOME consistente en crear un novo conxunto de aplicativos principais continúa en GNOME 3.10. Hai unha completa colección de novos aplicativos nesta versión, que inclúe Música, Fotos, Notas, Software e Mapas. Para obter máis información consulte embaixo así coma na sección Aplicativos novos e actualizados.

Software

GNOME 3.10 inclúe unha nova ferramenta para atopar e instalar aplicativos chamada Software. Fornece un lugar integrado para realizar todas as tarefas relacionadas co software, como explorar, instalar e desinstalar aplicativos así como ver e instalar actualizacións de software. Temos moitos plans de futuro para Software, que inclúen as valoracións dos usuarios, comentarios e capturas de pantalla dos aplicativos que pode querer instalar.

Xeolocalización

Creouse un novo marco de traballo de xeolocalización para GNOME 3.10. Isto permitiralle determinar a súa localización automaticamente usando varias orixes de datos, entre as que se inclúen a súa conexión a Internet e GPS. Este novo marco de traballo está sendo usado en varios aplicativos: a nova preferencia Fuso horario automático actualiza o seu reloxo cando se mova a un fuso horario diferente, e Reloxos mostra automaticamente un reloxo para a súa localización actual. GNOME 3.10 tamén introduce un novo aplicativo de mapas o cal pode detectar onde se atopa e mostrar un mapa da súa localización.

Obter GNOME 3.10

O software de GNOME é Software Libre: todo o noso código está dispoñíbel para descargar e pode instalalo e redistribuilo de balde. Para instalalo, recomendámoslle que agarde polos paquetes oficiais fornecidos polo seu fabricante ou distribución. As distribucións máis populares terán GNOME 3.10 dispoñíbel moi pronto, e algunhas teñen versións de desenvolvemento que xa inclúen a nova edición de GNOME.

Sobre GNOME

O Proxecto GNOME é unha comunidade internacional apoiada por unha fundación sen ánimo de lucro. Enfocámonos nunha experiencia de usuario excelente e unha internacionalización e accesibilidade de primeira clase. GNOME é un proxecto libre e aberto: se quere pode axudarnos.